Día morto

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Novembro 25, 2005

Hoxe non hai ganas de nada. Nin de loitar cos pícar@s, nin de ir cear do grupo de teatro e despois atopar a Ø, que ha estar vingándose a gusto nestes momentos, e nadar ao somorgullo… Vale, disto último si, o que non hai son folgos.
Levo todo o día co corpo adurmiñado pola dor e o cansazo. A primeira decepción do día veu da man do Patum de Berga (xa dicía Ø pola mañá, “van comparar unha festa cunha cultura?” E horas despois escoitei: “os cataláns conségueno absolutamente TODO!”
E tamén tiven tempo de cabrearme coa “domesticación” da violencia de xénero por parte dos medios, no Día en que lembramos Ciudad Juárez, Afganistán e Cacheiras. Deixei un comentario no Libro de Estilo virtual.
E agora penso quedar na casa a escribir, mentres escoito o “meu” Tema, composto por Maurice Jarre (hoxe, o filme que me deu o nome hai corenta anos).

Post tags:

Días corsarios…

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Novembro 23, 2005

Onte quería ver que saiu do inquérito que fixo o meu idolatrado Pier Paolo pola Italia que lle tocou vivir alá polos 60, pero Ø tiña ganas de falar e de que lle / nos fluísen os post na cabeza segundo baixa o licor café. De camiño á caverna tiramos fotos da lúa.
Pero ao día seguinte hai que traballar. Invisto media mañá en repasar, filme por filme (ou metraxe por metraxe, fita por fita, película por película… Cesare ofréceme un mundo enteiro de posibilidades )que en todas as liñas de toda as fichas haxa un ([li]) e un ([/li]) para que as letras queden bonitas na pantalla, sen se amorear coma antes.
Contra a unha escapo para ir buscar unhas chaves, e polo camiño atopo á miña grávida e pletórica amiga Raquel (vaia, e a Paula, ou Ainhoa, aínda non se sabe, que estará flotando feliz no líquido amniótico). Despídome das dúas e volvo sachar letras no teclado outro cacho. Á hora do xantar vou mirar a miña primeira posibilidade de proxecto de fogar (a outra terá que agardar até mañá), e xa lle collo certo cariño, aínda que non me faga ilusión ter o Convento de Belvís en fronte cos seus pertinentes curas…
Volvo, bocata en man. A tarde pasa entre tecleos e ensaio frustrado, e a noite entre máis tecleos e Otis Redding (a ver cando dou asubiado coma no final de Sittin’ on the dock of the bay). Como empecei este post, quedoume pena de non ver a Pasolini…

Post tags:

Días sen casa

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Novembro 21, 2005

O xoves á noite tecleaba compulsivamente (cousa rara, diredes) mentres devecía por durmir. Ao meu carón soaba unha guitarra. O venres saín da casa cedo, para ir berreghar coa actualidade cultural coma todos os días. Ao saír fun comer co Gato Negro, e espremer os miolos pensando como se pode distrer a atención dunha ducia de pícar@s durante hora e media de xeito educativo a la par que lúdico e sen que te chamen pederasta. Dura vida a d@ monitor/a de tempo libre. Finalmente conseguimos que @s cativ@s flipen durante cinco minutos coas luces apagadas, tres cirios acesos e unha historia de defuntos e samaíns… E que se disfracen para esconxurar os meigallos, e que se convirtan en sapos, curuxas, mouchos e bruxas… E algún vampiro, que mesmo me deixa unha trabada no brazo. Os nenos sonche así: cando levan unha capa poden voar, e non tardan en querer comprobalo tirándose dende as mesas, e se a capa é neghra como mis pecados, poden ser vampiros. Quero ser unha nena para podelo todo.
Saímos e vamos para outro magosto, outra festa ben distinta. Esgótanse cervexa e licor café, a música enméiganos a todos, veña da pandeireta de Camila, do bongó de Flavio, dos movementos capoeiros de Faísca ou do punk sen límites do Leo. Regalamos empanada, gozamos, desesperámonos co cambio dos billetes de 50 (estes jipis xa non son o que eran, van pola vida paghando licores cafeses con sabas de 50 eurasos), a vida é unha festa diante e detrás da barra.
Recollemos, a festa segue polo Insomnia, que se portaron guai deixándonos xeo, polo Tarasca, polo Maycar… E todos eses sitios que Ø non lembra.
Sábado de relax, erguéndonos case coa nova noite, despois de deitarnos co mencer ameazando polo patio de luces. Scorsese e arroz á cubana contra a resaca.
O domingo non é posíbel o relax: a nosa gran maquinaria se pon en marcha para que o público se volva escarallar con asento do Barbansa. Tensión sobre o escenario, calquera de nós se pode converter en Brutus chantándolle o coitelo ao Xulio César de Shakespeare, pero sen deixarlle falar despois. As bágoas mestúranse cos dez quilos de sombra de ollos, rímel e lapis que aínda levo tatuados días despois por moito que refregue, e ao público lle resultan críbeis, porque non dá nin chío.
Luns: logo de tres días sen pasar pola casa que non é miña, regreso cal filla pródiga, volvo ao traballo, xornada completa… E novas posibilidades. Logo de tres días de vagabundaxe, hai que ir buscando fogar.

Post tags:

Día intermináaaaaaaaaabel

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Novembro 08, 2005

Hoxe empezou hai moito e non dá rematado. Vou postear, digho eu, a ver se o tempo pasa máis rápido. É un día dos que duran anos. Comezou coa mala hostia de todos os días cando soa o espertador, ou os espertadores, habería que dicir (o móbil dá os tres ou catro primeiros avisos, e, como último recurso, o clásico cacharro de todo a cen a pilas con pito estridente avisa de que son as 8:20, a miña última oportunidade). Ao meu carón, Ø segue perdido polas fonduras do sono. Despois do susto fílmico de onte no Teatro Principal non me estrañaría que acordase sobresaltado con medo a que o ataque.
Despois da ducha ás escuras (tres semanas sen cambiar un portabombillas é preguiza e o demais son coñas), da mandarina que devoro á vez que ato os amallós dos zapatos, me peiteo e organizo mentalmente o día e dos bicos de despedida, saio á rúa. Chego tarde, coma sempre, e polo camiño atopo a un aduaneiro que non tarda en amosarme un tesouro, unha fábrica de maxia que conseguiron entre el e outra virtuosa da virtualidade.
Entusiasmada co que pode ser o comezo dunha bonita amizade editorialiterariocibernética, póñome en contacto co Gato Negro, que se emociona tanto coma min e se pon a espallar o nome da factoría de letras polo mundo.
Oito horas de tecleo compulsivo, sen o descanso cafeinómano de todos os días. Chove a bataghóns, que dirían en Matamá, e ver ao pobre Cesare entrar enchoupado co café en vaso de plástico quita a gana de saír ao mundo exterior. Á tarde segue chovendo, a amadora de Vermeer e máis eu solucionamos cuestións de intendencia, e o tecleo compulsivo continúa.
Saio, baixo 43-18… 25 números, e dentro da miña outra caverna sigo a teclear. E despois dunha xuntanza frustrada, desas das que todo o mundo foi avisad@ de que se cambiaba a data agás eu mesma (polo menos falo co señor do bar durante dez minutos sobre a lei do tabaco), chego á caverna, onde aínda tecleo compulsivamente durante outra hora. Día intermináaaaabel… Levo doce horas parindo letras cos dedos. Mellor vou durmir…

Post tags:

Días macabros

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Novembro 01, 2005

Púxenme a escoitar o Concerto Grosso de Häendel que tiña meu avó pola casa de Sarandón. A escolla dese disco foi se cadra un sinal subliminal do subconsciente para lembrarme a data en que estamos. Púxenme a mirar pola fiestra, como reflicten as pingas de auga os edificios de enfronte, coma microespellos convexos.

Chove. Choro. Xa está ben de pingueiras… Vou facer unha necrolóxica. Mellor, vou recuperar notas do protobló, de cando todavía escribía en papel: este poema escribino na noite do 30 de agosto.

PLANS PARA O FUTURO
Cando xa non quede vida no meu corpo
non quero un cadaleito.
Non quero choros nin rezos,
non quero flores nin esquelas.
Que me abran e aproveiten o que poidan,
coma na mata do porco.
Se algho das miñas entrañas pode valer,
adiante, reciclémolo todo.
Iso si, ghardaime os ósos.
Soterrádeos ben fondo, mirando pró mar,
e metede con eles un caderno,
un bolíghrafo,
e un ollo de vidro.

Post tags: