Día tolo

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Decembro 20, 2005

Dende que vivo no cuarto propio, na terra dos guiris, dos nenos con gaitiña estridente, de mozas que nuncanuncanuncajamasdelosjamases te ofrecen torta de santiago porque xa levas gravado na fronte que es de aquí, do guitarrista de nove a once que só se sabe dúas de sabina, “wish you were here” e media de kiko veneno, do cheiro a embutidos, mariscos e cocido que sae do “orella”, e aghabea polas paredes até entrar polas fiestras da miña cociña, da mocidade festiva e etílica os xoves pola noite (panic!!! o outro día, tres deles afincados na praza do ourense miraron para min e unha moza díxolles: no armar escándalo, hombre, que la señora nos está mirando mal. AAAArrrGGG!!!), das tendas de souvenirs chorras… dende que vivo no corazón da cidade xa non blogheo.
Entre a mudanza, o Gran Día e a falta de ordenallo propio (que xa é o seguinte estadio, co cal Virginia Woolf non se tivo que enfrontar), a verdade é que non parei. E houbo tantos cambios… uns marchan, outras veñen, cambiamos de casa, cambiamos de pel (como ao principio deste blog, que bunito), cambiamos de máquina… Onte morreu nas miñas mans o que fora o meu compañeiro de traballo durante tres meses. Fielmente, axudoume nos peores momentos e soportou con paciencia a miña torpeza. pero non puido aturar máis, e onte vin como falecía. As súas últimas palabras: panic: we’re hanging on. E nunca saberei que quixo dicir con iso… Agora traballo cunha tartaruga xigante. Lévalle o seu tempo responder ( xa cheguei ao punto no que vou a un ritmo máis rápido có da máquina, e todo), pero seguro que co tempo facémonos bos amigos, aínda que xa me deu algún susto.
Pois iso. A vida sigue. As noites de lúa neghra, tamén, pero xa son menos, dende que son unha SEÑORA que mira mal aos mozos que montan barullo (só me falta saír en bata e con rulos, que non uso, ao balcón a berrarlles que mañá traballo, ou a tirarlles caldeiros de auga, pero por coherencia comigo mesma non o fago. O que é a vida: non hai nin un ano era eu a que incordiaba aos veciños). Con todo, o venres pasado tiven unha reparadora sesión de autodestrución no maycar cos dous homes da miña vida, logo dun día marcado por estrañas sorpresas, das poucas noites de farra que lembro logo dunha estrea teatral en que empezas inocentemente cos pinchos e os viños, tes conversas interesantes, e cando te queres decatar estás… no maycar.
En fin: noites de lúa neghra, días de cambio. Cando escribo isto xa vén de estar chea, agora a lúa volve ir para abaixo. Vou agardar outro ciclo até volver escribir… A ver se teño ordenallo propio daquela!

Post tags:

Día para sentirse Virginia Woolf

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Decembro 01, 2005

Xa tiña non 500 libras, pero si 736 euros ao mes
(o que pasa é que ela sacounas dunha herdanza dunha súa tía e eu teño que encher buratiños con letras durante oito horas cada día). E sobre todo: xa teño UN CUARTO PROPIO.
A búsqueda foi dura: volvín por preto da Casa Máxica que derrubou a Cobiza (coma nun intento inconsciente de seguir a facer dela a miña veciña, ou polo menos a súa esencia, xa que deixo de tela en fronte), e mesmo fun vítima da morriña, do cordón umbilical tan fino que é case transparente, que tira por min dende a Aldea, un cordón invisíbel que integran a música dos Estalotes, Julia do Mosquito, Angelillo, quedar no Cruceiro, a Churrería, as festas xusto despois do San Xoán, a boa xente da Xuntanza, as camisetas retranqueiras, a tenda de Ulises, cada fiestra, cada porta, cada pedra, cada vez que se tivo que arreglar cada lastro da estrada, cada maceta con cadanseu xeranio, da miña casa. O meu auténtico lar, que me acolleu no seu útero de pan e coiro, entre pegadas dos peregrinos do camiño francés, lendas de aforcados e fontes máxicas, durante máis da metade da miña vida. Que comparto co Alfonso, a señora Sofía, que adoptou parte da prole dos meus ghatos, coa mesma María Liñeira que me dicía as verbas de Cunqueiro: “ti chegaches a Compostela coma quen chega a unha miragre.” E así foi: o barrio de San Pedro apertoume nos seus brazos de pedra e señoras en bata cando aínda non levantaba un metro do chan, e alí seguín até hoxe.
Este post está virando melancólico… Pero a tod@s nos custa deixar o niño. Hale, a voar…

Post tags: