Dies Veneris

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Febreiro 18, 2006

(ía poñer as míticas, a de Boticelli ou a de Milo, que non ten brazos, pero esta con Pan ao lado fíxome graza).Día de Venus e de resaca… Esperto, logo de tres horas escasas de sono (nunca atopamos a Lamatumbá), ao carón do meu obxecto de desexo lesionado (xa cambia de lado da cama para que non lle roce a ferida) e cun cuarto de hora escaso para espelirme e ir traballar. Así non hai quen empece o día consagrado a Afrodita con xeito…
En fin, logo dunhas horas de traballo aceleradas (como se me puido pasar por alto que onte Blanca Marsillach e Néstor Rego ofreceron unha rolda de prena, hai que sacar un destaque polo menos… Eu, posta a escoller eventos teatrais, preferira a Carnicería, que me parece ben máis interesante, pero en seguida chaman do Concello para esixir o seu espazo publicitario), como, descanso, e a berregar cos pícaros
Montamos un poboado indio. Entre pintármonos de peles roxas e organizármonos en tipis xa vai alá media tarde. Marchan, e o meu día non remata, porque aínda temos xuntanza do Foro da Mocidade para planear un macrofestival en abril (quen dixo que o Concerto pola Lingua só se pode facer na semana das Letras?). Váisenos a pinza até cotas insospeitadas, acabamos dedcndindo que Benicassim é unha merda comparado co que nós queremos facer… E tamén decidimos que hai que deixar de facer as xuntanzas en bares. Acabamos no de Morgan, arrodeados pola metade dos axentes culturais da cidade (o Cineclube en pleno coa súa cea dos venres na súa mesa, medio Berrobambán na barra, e de alí un pouco a única promesa que temos para o concerto). Un mencía e unha clara despois, imos para casa, e caio co sono aos cinco minutos. Vai día venéreo… (de Venus, non pensar mal)

Post tags:

Dies Iovis

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Febreiro 16, 2006


Ou día de Xúpiter (Zeus, o mesmiño, aí con Xuno / Hera). Pois hoxe non teño un día particularmente divino… Pero feliz, ao fin e ao cabo. Traballo as horas que me corresponden, vou polo meu outro traballo non remunerado pero que me alimenta o corazón a levar uns monicreques que até hai pouco estaban postos a secar na trandeira (pena de non tirarlles unha foto, como a de María), e Nerea tivo o detallazo de axudarme a subir o carro da compra polas escaleiras da casa. Convideina a un licor café, que menos. Polo noso roteiro habitual atopamos a Brais e Antón, minutos antes de que se metan no cinema a ver unha de vaqueiros, e falamos durante un cacho das nosas vidas laborais, sobre todo. Vaia, un día intenso que aínda non rematou. Pode que me achegue á festa

Post tags:

Dies Mercurii

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Febreiro 15, 2006

Día de Mercurio, ou de Hermes, “o de alados pés.” Aí arriba está con Atenea, que é das poucas do Olimpo que me cae ben…
Día para mandar mensaxes… Vou con retraso, porque hoxe é cando teño o día belicoso. unha zamorana mandoume un correo protestando porque lle pareceu de moi mala educación que eu lle respostase a unha solicitude en galego. Non lle gustaba que a web do Auditorio non ofrecese versión en castelán, e eu resposteille que todo se andará, pero que se estamos en Galiza e a nosa lingua oficial é o galego, o normal na páxina de inicio do Auditorio de Galicia é que estea en galego. Pois chamoume maleducada. Vaia. Quixera saber que fai esta señora cando le o Washington Post electrónico. tamén lles protesta por teren a versión orixinal en inglés? anóxase se lle respostan en inglés? Considera que para que o Auditorio DE GALICIA estea a “aberto ao mundo” teno que estar en castelán. Agrédeme a min, aos meus, á miña lingua, e á miña idiosincrasia afirmando que o galego non vale, non é lingua. E cando digo que me agrede, digo que me está ferindo no máis fondo, non é unha metáfora. E eu son a maleducada… Para min que a educación pasa, en primeira instancia, polo respecto. En fin, fágolle caso a Cesare e paso moito dela, porque se resposto igual me despiden…
Pero non estamos no día do deus da guerra, así que vou mandar unha mensaxe que levan tempo solicitándome. Aí van cinco da miña recua de manías:
1. Nada máis facer un bocata teño que pegarlle unha trabada, antes de sentar, nin de levalo para a mesa.
2. Sempre levo as mesmas xoias (vaia, abelorios, non se pode dicir que use xoias) Nun lado do corpo que noutro: un anel na man esquerda e dos pendentes na orella esquerda=un pendente na orella dereita, un anel na man dereita e unha pulseira. Tres e tres. Terá algo que ver que eu sexa libra?
3. Para lavar a louza sáenme cancións en portugués ou inglés. Cando me ducho, en galego. Que ten que dicir a psicolingüística ao respecto?
4. Algo da roupa exterior ten que ir a xogo con algo da roupa interior.
5. Cando entro en Pontevedra, conteño a respiración. Non sei se será a emoción de volver á patria chica ou o cheiro…
Nomeo a… Todo Nada. Sei que estás liada, pero veña… Todo o que ti queres (non tes excusa, xa remataches cos exames), O leo i arremecághona!!! (seguro que os punkis tamén teñen manías), El niño de la guía (e de paso dime quen es, que se coñeces á Sofi da Rúa Betanzos non andabamos lonxe…), e… Hummmm… Naraío Nazón, que hai tempo que non posteas (máis ca min, que xa é dicir). Que rule…

Post tags:

Dies Martis

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Febreiro 14, 2006

Martes, día de Marte (Ares en Grecia, aí con Cupido / Eros), e aínda por riba San Valentín. Acordo entre dores (algúns me comparan cun pito que acaba de romper a casca do ovo e saír ao mundo). Algo semellante. Non son eu a que sae dun ovo, senón un ovo o que escacha no meu interior, e provoca tres días de contraccións, dores, mareos e febre todos os meses da miña vida fértil. Dubido durante interminábeis minutos se ir ao traballo ou quedar na cama e agardar a que pase un pouco. As dúbidas veñen de certo sedimento da educación que tod@s padecemos, polo cal non só tes que avergoñarte por menstruar, senón que amais tes que levalo con dignidade e enfrontarte ao mundo coma se nada pasase, nin sentises unhas poutas esgazando o útero. Como se fan esas cousas? Con que papo chamas ao traballo e dis que non vas ir até que te atopes mellor por algo que é connatural a ti e polo que se supón que tes que pasar? Finalmente fágoo, e por algunha estraña razón arrepíntome todo o día. Non polas horas na cama, a infusión e o ibuprofeno, que fixeron efecto, non polo tempo perdido de traballo, que farei por recuperar pola tarde e nos días vindeiros, senón por ser tan feble de admitir que a miña condición feminina me dá problemas, e non ter os “ovarios” de berregar co mundo pese a todo. Por que as mulleres sempre renegamos do dereito a que nos doa algo? Por que nos avergoñamos de deixar de cumprir coa nosa obriga porque algo que é tan “natural” pero que nos tortura e destroza o corpo non nos deixa nin pensar? Hoxe teño o día belicoso, como corresponde ao Dies Martis, pero conmigo mesma.
Tamén é un día que dedican ao amor, e mesmo quedo de pedra cando descubro que Galiza nova e Andaina andan polos colexios cunha campaña para “explicar o amor.” E iso como se explica? Á fin dou co folleto, e me relaxo perante unha campaña que o que quere é desmitificar esa idea que nos aparva e nos fai pensar en mercar chorradas e celebrar algo o 14 de febreiro. Así e todo, miña nai, a única persoa que me fai agasallos de San Valentín, manda unha mensaxe para dicir que teño o meu en Pontevedra. E non vexan a ilusión que me fai, por moito que odie estas datas e non sexa o convencional… Iso demostra que os mecanismos do amor son ben máis complexos do que pensamos.
Detesto estas conmemoracións estúpidas, esta manía do catolicismo de cristianizalo todo e do capitalismo de explotar as datas que a relixión converte en especiais. Bah, que parvada, capitalismo e cristianismo sempre foron da man. Pero non podo evitar que esta muller que AMO me encha de alegría este día en que quero asasinar a Isabel Coixet (autora, por moi en secreto que o teña, da maioría dos anuncios de compresas), co seu agasallo de San Valentín.
É un día belicoso, pero xa me vinguei a gusto mirando a catro monstros da escena que mo fixeron pasar como nunca este venres en Porriño.
Última hora: mensaxe da miña amiga Iolanda (” No día en que almacéns venden amor monógamo heterosexual, eu reivindico outros amores, libres e eternos. Aí vai unha cestiña de apertas con cheiro a romeiro debuxado no aire. Quérote!”) Non se pode ser máis acertada. Este post de dies martis no que non quero ser belicosa e me rebelo contra as miñas hormonas vai dedicado a ela, polos amores libres.

Post tags:

Dies lunae

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Febreiro 13, 2006

Pois si, hoxe é luns. Outro luns de tantos, cando xa todas as semanas parecen iguais. O día comezou cun estourido que nos provocou todas as hipóteses que se lle poden ocorrer a un cerebro adurmiñado ás seis da mañá: eu supoñía que rebentaría algunha bombona nunha casa, el ía máis alá e pensaba nun ataque terrorista… Todo o patio de luces alghareado, pero ao final non foi unha cousa nin outra. Só… fogos artificiais (e que conste que a miña primeira ide a antes de abrir os ollos e notar a vibración foi “pero onde son festas?”)
En calquera caso, un día normal. Un luns moi luns: traballo, ensaio, agardo que sono reparador, media horiña para postear por primeira vez en meses, case… Noto que me atopo perdida dun tempo a esta parte, que me estou alleando. E hoxe que hai lúa chea, e pola semana romana estamos no día da lúa, agardo algo así coma unha catarse que remate de espelirme. Este blog tiña que ser algo máis ca un diario adolescente, e a miña vida tiña que ser máis ca gañar para sobrevivir e non ter tempo para vivir. A ver se algo dentro de min estoura dunha vez, como os fueghos de Calo.

Post tags: