Día da danza

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Abril 29, 2006

…danzando de arriba para abaixo, do Franco para o Medio. Teño casa nova. Alucino co silencio! Quitando aos gatos á xaneira que teño na casa do lado, non oio un chío. Dios, que descanso despois de pasar cinco meses escoitando as gaitiñas dos todoacén (ganas tiven de chantarlle un carteliño á tenda: “Pais e nais tentados de lle mercar unha gaita aos cativos: sede conscientes de que despois ides ter que escoitalos”), ou as xoldas nocturnas (última consigna: “Viva el botellón, abajo el garrafón!”, e eu aí solidariceime). Podería facer un estudo do corpus lírico do Franco os xoves á noite, hai material abondo.
Pero agora volvo á miña casa de verdade, ao que algúns definiron moi acertadamente como “o mellor barrio do mundo”, a mercar na Sofi e a saber cando tocan os Estalotes. Hoxe xa coñecín unha veciña… Volvo á vida.

Post tags:

Días de memoria

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Abril 23, 2006


Hai 160 anos, en San Martiño Pinario, a estas horas máis ou menos, ía ao tacho unha revolución. Non sei que ten abril que é data de revolucións, de cambios, de darlle a volta ao mundo.
Neste día da memoria dos mártires non podo evitar lembrar a memoria da vitoria dunha voz sobre as ondas (puiden pegarme o gustazo de pinchala en directo o venres, e pregunteime que debeu de sentir a persoa que, un 25 de abril hai 32 anos, puxo este tema en antena). Vimos da viaxe, e todo nestes días lembra que o Miño non é unha fronteira (nin o Gêres /Xurés).
Mais non puidemos agardar ao 25: a viaxe tivo que ser no noso período vacacional, coincidindo co 14 (Porto-Coimbra-Lisboa), outro día revolucionario, abofé. Tamén é o día no que a miña madriña Reyes fai anos. O nome venlle de que os seus pais eran monárquicos dereitos, e iso de que a filla lles fose nacer un 14 de abril non lles gustara nadiña…
Outro Reyes que tiña ben pouco que ver coa monarquía foi o meu tío bisavó. Tiña 21 anos e era mariño. Acababa de casar e ía ser pai. Pero ía nun barco con bandeira republicana, e cando lle preguntaron se renegaba desa bandeira, el dixo que non. A miñabuela Marita, a de Ferrol, a nai da miña nai, aínda lembra. Memoria. Cando era pequena, foron a San Simón, onde el estaba preso, a falar de que ían buscar un avogado. Ela era pequena. Pero aínda lembra como atravesaban a ría de Vigo en barca, de volta de San Simón, e escoitou os tiros. Chamábase Reyes, pero era republicano. Mariño. 21 anos. Acababa de casar e ía ser pai.
Miña abuela tenlle moita querencia a Vigo, porque é onde pasou a súa infancia, naqueles anos macabros. Os irmáns esparexéranse en varias casas familiares, por Ferrol e Compostela, e a ela tocáralle Vigo. Pero non pode evitar pasalo mal cando atravesa Rande, cando pasamos pola Ría e mira San Simón. A memoria, é o que ten.

Post tags:

Un día de abril

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Abril 02, 2006


“Se está arrimando un día feliz…” Sae o sol e son horas de mudar de póla outra vez. Aínda non sei moi ben para onde, pero o caso é cambiar. Soño cunha casa onde poder durmir sen escoitar todas as noites “Alcoohol, alcohool,/alcohol, alcohol, alcohol…/Hemos venido/ a emborracharnos/ y el resultado nos da igual.” Odio dicir isto, a risco de que xa non me chamen señora, senón abuela, pero… Que xuventude, diormío. Na miña época cantábanse himnos revolucionarios, cantigas populares e mesmo sintonías dos debuxos da tele, dependendo do grao de embriaguez. Unha casa con algo de luz e onde non atope buratos novos cada vez que miro para as paredes ou portas… O vello ten o seu encanto, pero todo ten un límite.
Casa nova e compañía nova: hoxe chega dende Maniños un coleghiña novo para compartir a casa nova conmigo. A verdade é que xa botaba de menos ter unha bóla de pelo no colo polas noites, unha voz miañando e unhas unllas riscando na porta cada vez que chegue á casa. Claro que iso implica non ter comida por aí accesíbel, nin cortinas, nin xerros con flores, pero éme o mesmo.
Pois iso, época de cambios. Non hai que lles ter medo…
Que bonito! Publicando este post chégame unha voz dende Andorra… Un de tantos rapaces galegos emigrados que atopou un oquiño na rede. Pena de capital humano que se nos vai. Aí vos deixo esa mensaxe optimista que a min xa me alegrou o día. Sempre hai un mencer…

Post tags: