Día dos Andreses

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Novembro 30, 2006

Non podo deixar que remate o día sen felicitar a dous Andreses ben importantes na miña vida: aquel co que comparto ADN (este hai uns dezaseis anos), e aquel con quen compartín pupitre e moitas cousas máis. Feliz Santo Andrés aos dous!

Post tags:

O día despois

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Novembro 25, 2006

Mimadrequirida. Estou feitiña pó despois da macroinauguración do niño novo. Cheguei acontar vinte e sete persoas! (e máis o ghato) a bailar, beber e rir. Momentos míticos: m)alicia e máis eu bailando na bañeira, conga pola sala e a cociña, momento cantautor vestido de soldado do Berlín Leste do eue con acompañamento de pandeiretas, a performance de Chus facendo escenas pronográficas entre unha vaquiña de peluche (que se lle apretas a barriga fai “muuuu”) e a vaquiña que hai pintada nun vaso (que tamén pon Moooo, conócese que a vaca do vaso é anglófona) e os exercicios ximnásticos coa barra. E, mágoa que fose vivido en solitario, o momento no que volvo a casa e descubro que non teño as chaves, tento aghabear e entrar pola fiestra da cociña, que está entreaberta, non dou (ben, a casa é segura, é imposible que nos entren a roubar), e descubro que as chaves quedaron preto da fiestra, na mesa da cociña, tento enganchalas cun boli, pero móvoas o xusto para que caian ao chan e esgoto a miña última posibilidade. Quero chamar a eue, pero o móbil tamén quedou dentro. As cabinas da Porta Faxeira coñéanse de min, solto varios improperios contra Telefónica, subo ao Avante, onde deixei ao kolhós todo, e non están, chamo dende Cervantes. Están no Maycar (como non!). Pois veña, a seguila.
Pero hoxe, de tranqui! Imos ver a un colega que hai tempo que non miramos… Outro animaliño escénico. E para a cama cediño, que falando de animalidades escénicas, mañá tócanos en Porto do Son, e hai que estar espelida para cargar a escenografía, descargala, montala, preparar o atrezzo, desmontala, recoller, volver cargar, volver descargar… Ah, si, e representar a obra tamén. Veña, ata outro día en que teña máis lucidez e algo máis interesante que contar…

Post tags:

Día de paz… Por fin!

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Novembro 03, 2006

Non o podo crer. Rematou outubro. A muda de pel, a muda de casa, a muda de tantas cousas… Teño unhas maniotas que non podo con elas, ademais de feridas e negróns varios, pola carga, descarga e transporte dos meus efectos persoais dun lugar a outro. Paso de ver aos peregrinos que entraban polo Camiño Francés, coa Catedral como guieiro, a orientar aos que non se conforman co Camiño cristianizado, e fan a viaxe de verdade, ata a Fin da Terra. Do Medio á Poza. Estou tan feliz que non o acabo de crer.
Sobrevivimos á mudanza, sobrevivimos a tantas cousas… Na última semana vivín o desgaste físico e intelectual máis “jevi” da vida. Levaba moito acumulado, tamén. Coa de veces que teño montado e desmontado escenografías, a verdade é que a mudanza non debía significar nada. Pero o caso é que xa foi, xa pasou, xa están miles de libros, de cedés, de pezas de roupa e de cacharros de cociña onde teñen que estar, xa está na Rede o que ten que estar, e xa debe estar na UXA, tamén a matrícula que máis rapidamente resolvín na vida: unha hora e media entre teclear sinopses de filmes de Ghobadi e Kaurismaki abondou. Xa podo respirar…

Comezou novembro, un Samaín novo que se anuncia tranquilo. Só queda baleirar caixas, ordenar as cousas, e ordenar a vida. Estou como o Ghandoi, que anda flipado pola nova casa investigándoo todo, cheirándoo todo (rastros de Ulises, se cadra), e gozando do novo espazo por percorrer. Xa mudei a pel, como un verme na crisálida. Agora que temos cadanseu cuarto propio dentro dun espazo común, volvo ter a mesma sensación de hai case un ano. A ver que me inspira esta casa que Cesare deixou cargada de boas vibracións… De momento, o impresionante escritorio que seica saíu dun barco aportado e Mugardos xa incita abondo.

Post tags: