Día de dor

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Marzo 20, 2008

Odio a Semana Santa dende pequena. A infancia en Ferrol cunha avoa devota significa tragar todas e cada unha das procesións da cidade e todas e cada unha das películas que boten na tele sobre a vida de Ghasús. A Semana Santa de adulta non é moito mellor, aínda que houbo bos momentos. Pero esta en concreto está a ser tortuosa de todo:
– O Venres de Dor propiamente, foi dolorosísimo topar con moi malas noticias no traballo. Pero ese día chegou un novo inquilino á casa, que lle regalaron os compañeiros e compañeiras de traballo a Eue. Vin moi moi difícil a convivencia do interfecto con Ghandoi, mais, finalmente non se levaron nada mal, como demostra este gráfico:

Pasamos cinco días convivindo moi pacificamente os tres na casa. Mentres Eue percorría os Alpes suízos cual Heidi eu tiña a miña versión doméstica de Alicia, perseguindo un coello que (polas présas coas que corría) parecía chegar tarde a algures.

– Xoves Santo: á mañá descubrín horrorizada que Ghusiluz (o nome púxollo Eue) non respiraba. Mentres compaxino o traballo nesta redacción inhóspita e solitaria coas bágoas, penso na mellor forma de darlle sepultura. Ironías da vida, onte escribía sobre unha exhumación e hoxe teño que encargarme dun enterramento. Agora, o noso amigo descansa no camiño ao Pedroso, non lonxe daquela gavotiña acabada de nacer que tampouco sobreviviu ao dura que é a vida cando se é unha cría. Mario xa me enviou o seu pésame e xa me vou sentindo mellor…

Post tags:

Días de mel…

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Marzo 04, 2008

Levo tempo descolgada da rede, pero é que só fago andar a mil historias… Entre o traballo remunerado, o traballo voluntario e os preparativos para o Gran Día, case non toquei esta bitácora. Ando sachando noutra leira, que me ten máis ocupada. Pero agora que xa relaxamos un pouco a máquina, e que os felices marido e muller xa están de lúa de mel polos cantís máis altos de Europa, volvo ao rego. E volvo case para despedirme e anunciar que si, que por fin, que non era sen tempo… Voume centrar no doutoramento. Até xuño, ou mesmo setembro!

P.D. Ah, os da foto son a miña torpe versión escultórica de Mamá e Vali, que (coloreados e algo máis xeitosiños) presidiron o queixo de Arzúa que fixo de torta nupcial este venres no Castro, en Pantín. Foron un dos nosos agasallos, xunto co mercado, que é o máis soso, e unha interpretación da Aquarela de Toquinho no medio dos cafés, a cargo de Eue e a súa guitarra.

Post tags: