Días da fin do imperio

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Decembro 22, 2008

Decidín negarme a entrar na espiral de submisión ao consumo este nadal. Non sei de onde vou tirar o tempo (tempo, que cousa), pero ando a argallar regalos inmateriais, virtuais, artesanais, pobres ou piratas 😀

Canto máis lles compramos,
máis nos vendemos.

PD. A imaxe é de Consume Hasta Morir.

Post tags:

Días caseiros…

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Decembro 18, 2008

Coas frieiras, as temperaturas e o moito chollo acumulado, non dá gana ningunha de saír da casa. Xa onte perdín a Festaleiro, pero hoxe vou ver os meus nenos, vivedios! Sorte que para a semana conseguín un día libre, e así podo enganchar catro días na casiña materna, que é onde mellor se está (son unha moñas, sei, pero é así). Así que o día 24 fago a mochila (o que inclúe a Ghandoi e a Catuxa en cadansúa caixa) e marcho para aquí:

Domondó (parroquia de Pantín, Valdoviño) fotografado por Fermín Goiriz Díaz o 1 de decembro. Non sei se alá haberá cobertura 3G (dubídoo moito!), pero se consigo unha miga dela, xa vos conto.

Post tags:

Queridos Reis Magos…

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Decembro 16, 2008

… quero carbón.

Andei estes días detrás da pista do Apalpador, ese ser mitolóxico da montaña luguesa que, polo solsticio, lles apalpa a barriga aos cativos para ver se están ben mantidos e lles deixa castañas. É carboeiro, coma o Olentzero vasco. En Cataluña teñen o Tió, un toriño de madeira que “caga” os agasallos, e pola costa cantábrica tamén existe o costume do Esteru, que é leñador. Faime graza que os Reis Magos, esa figura creada polo cristianismo para cargarse este tipo de tradicións pagás, traen carbón se nos portamos mal. Un xeito nada sutil de dicirnos que, de non comportármonos como se agarda de nós, merecemos un castigo: unha icona da tradición popular, rural, connotada positivamente para os cativos que pasan frío e fame. Que se nos portamos ben, agasallos caros e que saen pola tele, e se nos portamos mal, o agasallo dos pobriños pailáns.

Quero carbón este ano. Porteime fatal.

Carbón para Mike

Contáronme que en Ohio,
a comezos do século,
vivía en Bidwell unha muller,
Mary McCoy, viúva dun gardavía
chamado Mike McCoy, en plena miseria.

Pero cada noite, dende os trens enxordecedores da Wheeling Railroad,
os gardafreos guindaban un anaco de carbón
por riba do valo da leira das patacas
berrando ao pasaren coa voz rouca:
“Para Mike!”

E cada noite, cando o anaco de carbón para Mike
petaba na parede posterior da chabola,
a vella erguíase, poñía,
adurmiñada, a saia, e gardaba o anaco de carbón,
agasallo dos gardafreos a Mike, morto
pero non esquecido.

Erguíase tan cedo, e agochaba
os seus agasallos aos ollos da xente,
para que os gardafreos non tivesen dificultades
coa Wheeling Railroad.

Este poema está dedicado aos compañerios do guardafreos McCoy
(morto por ter os pulmóns febles de máis
nos trens carboeiros de Ohio)
en sinal de solidariedade.

Bertolt Brecht
Post tags:

Días de frieiras

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Decembro 04, 2008

Non paro coa dor! O luns notei que os pés se me conxelaban aos poucos mentres estaba na oficina, e pensei “non, merda, xa están aquí”. Tentei movelos e quentalos, pero non houbo xeito, a miña ración anual de necrose estaba servida. Frieiras, esa afección da pel que hoxe a todo o mundo lle soa a swahili, pero que os pais e avós que viviron a posguerra, ou os traballiños do rural ao frío, á choiva, lembran perfectamente, e que eu, na miña querenza polas antigüidades, padezo puntualmente cada inverno. Onte non podía parar quieta no asento do Cineclube, e hoxe propuxéronme ir a un serán (será por ganas!), pero paréceme a min que bailar muiñeiras e rumbas non lles vai sentar moi ben…

Unha cousa está clara: recorrer a internet nestes casos é perigosísimo: 1. porque se es un pouco hipocondríac@, tardas 0.5 segundos en asociar as frieiras con certas variantes de lupus, leucemia e síndrome de Raynaud; 2. porque pode ser peor o remedio que a enfermidade. Hai quen recomenda restregalas cun limón (non o quero nin pensar), ou abrir unha uva e levala apegada cunha tirita todo o día en cada frieira (ghasús, e que calzado poño?). Acórdame miña abuela, insistíndome en que fixese por, cando estivese na ducha ou así, mexar por riba delas, que é man de santo (como cando pican as medusas). E decidín que mellor vou á parafarmacia, que sempre me socorre nestes casos. A semana pasada xa descubrira que o xabrón Lagarto é o mellor cicatrizante do mundo. A ver que fago con isto… Se alguén coñece máis remedios caseiros (e menos escatolóxicos), ben vidos sexan…

Post tags:

Días nas barricadas

Posted in: Sen clasificar by luaneghra on Decembro 03, 2008

Sempre. Pero estes días máis ca nunca:

a. Unha banda de fascistas queren evitar o que eles chaman “unha homenaxe a dous terroristas”. O peor é que dá igual a cor política, todos os grupos coinciden en chamalos terroristas (cando a condena dicía outra cousa) e en escandalizarse. Pero vai haber festa, e non vai ser máis ca iso: festa e reivindicación.

b. Hai cousa dun ano, escribín isto: outra banda de fascistas gozaba da súa liberdade de expresión lanzando consignas propias do franquismo na rúa. Cando a xente que non estaba de acordo se expresou libremente bailando e tocando a pandeireta, a policía cargou sobre eles. Os fascistas aplaudiron. Un ano despois, emprenden unha caza de bruxas, buscan nomes no Google, poñen denuncias, eles que teñen tempo e cartos para gastar nos xulgados, e catro apelidos para teren impunidade. Tentan espallar o medo, reprimir, silenciar, demostrar, por medio do poder, que eles poden e eu, ti, nós, non. O seu é liberdade de expresión, o outro é terrorismo.

Aquí, a definición que A.P. Schmidt fai do termo “terrorismo”:

“O terrorismo é un método produtor de ansiedade baseado na acción violenta repetida por parte dun individuo ou grupo (semi) clandestino ou por axentes do estado, por motivos idiosincráticos, criminais ou políticos, nos que — a diferenza do asasinato — os brancos directos da violencia non son os brancos principais. As vítimas humanas inmediatas da violencia son xeralmente elixidas ao azar (brancos de oportunidade) dunha poboación branco, e son usadas como xeradoras dunha mensaxe. Os procesos de comunicación baseados na ameaza — e na violencia — entre o terrorista (a organización terrorista), as vítimas postas en perigo e os brancos principais son usados para manipular ás audiencias branco, converténdoas en branco de terror, branco de demandas ou branco de atención, segundo que se busque primariamente a súa intimidación, a súa coerción ou a propaganda”.

Que cadaquén saque as súas conclusións. Eu xa estou nas barricadas.

Post tags: